Valoración do XI Festival Armadiña Rock

Este ano, ao Festival Armadiña Rock Estrella Galicia asistiron máis de 25 000 persoas que gozaron tanto dos concertos na Chousa e na Rualeira como das diversas actividades que tiveron lugar por todos os recunchos da vila, unha programación na que participou todo tipo de público, desde crianzas ata persoas de diferentes idades; xente de Combarro, Poio, Galiza e outras zonas do Estado, así coma o turismo que se achega habitualmente á nosa vila, que tamén foi partícipe.

Armadiña quere agradecer ás máis de 60 persoas voluntarias que dedicaron o seu tempo libre a traballar arreo e facer posible o bo fin do festival, recoñecemento que queremos facer extensivo ás máis das 160 empresas colaboradoras deste ano, patrocinios (Estrella Galicia e Diageo), organismos públicos (Concello de Poio, Deputación de Pontevedra), Protección Civil de Poio e especialmente a toda a veciñanza de Combarro polo seu apoio permanente con este evento que superou as nosas expectativas un ano máis, e xa van once edicións.

Hai que resaltar o comportamento exemplar e máis que destacable das persoas que participaron neste festival. A Policía Local e Protección Civil de Poio só tiveron que facer fronte a unhas “mínimas incidencias”, polo que podemos concluír que foi un festival moi tranquilo en materia de seguridade. Isto enche de orgullo á organización e á xente da nosa vila, e pon en valor o civismo das persoas que cada ano se achegan ata Combarro para gozar da música e da cultura do noso país.

Somos coñecedores do malestar que puido causar o dispositivo de seguridade nos accesos ao festival e lamentamos que isto poida ter un efecto disuasorio de cara a vindeiras edicións, mais nós non temos competencia no que se refire a asuntos dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Seguiremos traballando para que todas e todos poidamos sentirmos seguros e cómodos no festival mentres gozamos da nosa cultura.

A asociación Armadiña retén como imaxes desta XI edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia as rúas de Combarro cheas de vitalidade, a Praza da Chousa ateigada con miles de persoas cantando, bailando, chimpando e unha rede de voluntariado e de esforzo que medra ano tras ano. Só estas tres instantáneas, entre moitas outras que puidemos observar durante o evento, fan que medre o sentido desta asociación, polo que desde a organización do Armadiña Rock só podemos convidarvos a festexar o ano que vén a edición número XII connosco e volver entoar os cánticos que nos caracterizan e, por suposto, os novos que teñan están por vir. A Chousa é nosa, carallo! Medre o mar!

You may also like...

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. Máis Información

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Pecha