Vés bailar, cantar, xantar e xogar na Renda?
Todo está preparado para que a veciñanza volva bailar, xantar e xogar na terceira edición da Romaría na Renda.
A ACDeM Armadiña volve a organizar unha das festas máis agardadas pola veciñanza de Combarro, A Romaría na Renda. O evento vaise celebrar o domingo 15 de setembro na contorna da Renda no lugar do Xuviño (Combarro).
A Romaría vai ser para todos os públicos, así que animamos a toda a xente que vaia preparando a gorxa, as cadeiras e bandullo para que gozen cantando, bailando, tocando e tamén xogando.
A xornada comezará co “Roteiro dos lavadoiros” que partirá ás 10:30 do cruceiro das Mosquiñas, visitarase os lavadoiros da Cela, Redondo e Sidrás. Rematará como é de costume na Renda.
Dende primeira hora da mañá haberá un “Taboleiro da memoria” onde se colgarán fotografías antigas de álbums de familias de Combarro que mostrarán imaxes do lugar, así como, celebracións levadas a cabo na Renda. Tamén dende primeira hora establecerase un espazo de xogos tradicionais.
No Xuviño a festa comezará coa actuación destinada para o público infantil de Cé Orquestra Pantasma ás 12:00h. A sesión vermú dará comezo ás 13:00h e actuarán as Punkiereteiras.
Tras o xantar, terá lugar unha sobremesa cantareira co ánimo de que todas e todos participemos na festa cantando e tocando música tradicional.
Dende as 16:30 abrirase outro espazo dedicado ao xogo tradicional: Xogando Miudiño, donde atoparemos brinquedos coma os zancos, a ferradura, tiracoios, construcións… que porán a proba a destreza das crianzas e de todas as persoas que se atrevan a xogar.
Ás 17:30 haberá unha sesión de baile tradicional amenizado pola Escola de Música Tradicional de Poio. Durante esta actuación o grupo de baile da Armadiña bailará unha “Muiñeira de Chantada”, peza que levan ensaiando no último mes.
Por segunda edición haberá un concurso de manteis. O mantel máis bonito xunto coa mellor decoración da mesa levarán premio, así que, animamos a toda a veciñanza a participar no concurso e a celebrar con nós esta romaría popular.
No lugar do evento haberá polbo á feira como é costume, cervexa, viño, auga, música e xogos. Os demais ingredientes os deben poñer cada un dos asistentes e estamos seguros de que o imos volver pasar xenial.
A Romaría na Renda é unha festa organizada pola ACDeM Armadiña e conta co apoio da Deputación de Pontevedra e a Concellaría de Cultura do Concello de Poio. Tamén recibe a colaboración da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro.