O DÍA DAS ESTRELAS da Billarda
A festa da billarda congregará en Poio aos mellores palanadores e palanadoras de toda Galiza este sábado. O evento rematará con actuacións de Peter Punk e Blues do País.
Como cada ano a Liga Nacional de Billarda celebra “O día das Estrelas” a festa anual da billarda que nesta edición celebrase por primeira vez no Estadio Nacional de A Reiboa (Poio).
A cita deportiva unirá nunha mesma competicións a máis do centenar de palanadores e palanadoras das tres conferencias existentes no País – Rías Baixas, Norleste e Noroeste – sendo unha boa oportunidade de medir forzas antes da fase final que se disputarán no mes de maio en Compostela.
A cita deste sábado 17 de marzo comezará ás 12:00 cos torneos de “golpeo triplo e perimetral” onde os participantes máis técnicos demostrarán a súa pericia no dominio do palán e a billarda sobre a terra da Reiboa.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 comezará o “Aberto das estrelas”, un dos torneos máis agardados por todo palanador/ra da Galiza ao estar en disputa unha praza para a final da LNB.
Ás 19:30, unha vez rematada a competición deportiva, será o momento da diversión. O Día das Estrelas completarase con actuacións de: Peter Punk Pallaso e Blues do País.
Peter Punk é un dos artistas máis destacados do País, as súas actuacións gozan dunha grande acollida tanto nos máis pequenos coma nos adultos. E para rematar a festa, degustarase o blues galego con raíces no Mississipi de “Blues do País”.
A asociación Armadiña anima a toda a veciñanza a gozar dun dos deportes máis en auxe nos últimos anos no Concello, así como, acompañarnos da festa final con humor e boa música.
Engadir que a competición está organizada pola Conferencia Rías Baixas da LNB da man do equipo de Poio da asociación Armadiña. Esta competición conta co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Poio – Poio Móvese. Tamén patrocina o evento a Bocatería/Pizzería A Reiboa.
Poio, 16 de marzo do 2018