II CONCURSO DE BALCÓNS, PATÍNS E SOLAINAS DO ARMADIÑA ROCK ESTRELLA GALICIA 2017
A programación do festival combarrés Armadiña Rock Estrella Galicia 2017 ofrecerá este ano, entre os días 25 e 27 de agosto 2017, unha segunda edición do Concurso de balcóns, patíns e solainas do Recinto Histórico Artístico de Combarro. Os balcóns, patíns e solainas dos inmobles participantes deberán estar ornamentados o día 25 e manteranse ata o 27 de agosto de 2017.
O obxectivo do certame consiste en visibilizar os beneficios de recuperar os balcóns, patíns e solainas como elementos vivos da vila no marco da tradición e da cultura de Galicia, así como tamén en implicar a veciñanza no seu coidado e ornamentación. Todos os elementos empregados deberán ser preferiblemente autóctonos (camelias, rosais) e/ou estar relacionados coa cultura mariñeira e agrícola da nosa terra (redes, nasas, cestos artesanais, millo…).
Poderán participar no concurso todos aqueles veciños que posúan inmobles con balcón, patín ou solaina que se atopen dentro do Recinto Histórico Artístico de Combarro e reúnan as condicións necesarias para ser decorados sen poñer en perigo a integridade da estrutura ou a dos viandantes. Todos os elementos empregados deberán estar perfectamente ancorados e a ornamentación deberá limitarse á propia estrutura. As incricións deberán realizarse segundo o modelo normalizado que se poderá atopar na oficina de Turismo da Escola do Campo de Combarro. Ao inscribirse, facilitaráselle a cada veciño un distintivo que deberá ser exhibido nun lugar visible dos inmobles participantes.
O xurado encargado de fallar o concurso terá en conta criterios como a orixinalidade, a creatividade, a armonía, a adaptación ao entorno ou o emprego de elementos autóctonos. O gañador recibirá unha contía de 150 € e mais un diploma acreditativo. Tamén haberá un segundo premio, dotado con 80 € e diploma acreditativo. Os premios entregaranse na praza da Rualeira o día 27 de agosto de 2017 ás 13:15 h.