Novo Trasno Teatro no Poio Escena
O vindeiro venres 27 de marzo ás 21:00 Trasno Novo Teatro representará a obra “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra” na Comunidade de Montes de Combarro.
O representación do grupo vigués encádrase dentro da mostra teatral anual Poio Escena, sendo a primeira función deste ano que se celebra en Combarro.
A obra “Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra” pertence ao xénero dramático e está dirixida para todos os públicos. A duración estimada da función é de 75 minutos.
Sinopse:
Creación do propio Grupo, baseada en relatos de diversos autores e na ampla información saída á luz co gallo da chamada “Recuperación da memoria histórica”.
Trata do encontro de tres mulleres do mesmo pobo pero de moi distinta condición, unidas na fuxida e distanciadas no seu comportamento ante a vida e o momento histórico que lles toca vivir.
Pretendemos, por unha banda, facer unha homenaxe ás mulleres asasinadas, durante e na posguerra, case sempre anónimas e esquecidas, e por outra, reflexionar, a través da súa mirada, sobre temas que seguen a ser de actualidade: a subxectividade da información, a hipocrisía da sociedade, as relacións de parella, o terrorismo, os abusos do poder e outros.
Entrada
Custará 3€ para o público xeral, e 1€ para todas/os socias/os. Amáis poden adquirir por só 15€ un bono para ver as 12 representacións do PoioEscena, neste caso as socias/os só pagarán 5€. Se estás interesado envíanos un correo-e a ola@armadinha.gal.
Apoia o Teatro afeccionado!