Vermú Literario con Xurxo Souto
O próximo sábado 25 de abril ás 12:00 do mediodía visitanos o noso amigo Xurxo Souto. Presentaranos o seu libro “Contos do Mar de Irlanda” mediante unha performace interativa ÓCEANO PARA TERRÍCOLAS.
Durante a performance servirase vermú aos asistentes por xentileza de Nordersía. Este primeiro “Vermú Literario” está organizado pola nosa asociación en colaboración coa Concellaría de Cultura
«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía. Galiza é unha pedra chantada no Atlántico e un espazo mariño que abrangue todos os océanos.
Quizá un mariñeiro do Berbés non saiba onde queda Fonfría, aló arriba na montaña, mais todos saben de Capetón, Cape Town, na fin de África.
Un mariñeiro do Muro non saberá, quizá, de Olelas, na raia de Portugal, mais todos saben de Antuerpe, que é como lle din en galego do mar a Amberes, o gran porto do Norte.
Prodixioso saber gremial, absolutamente vedado a terrícolas e terrícolos.
Cómpre romper con esta fronteira de silencio. E cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego.
Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan.
Está subindo a maré, ti non quedes varad@ en seco.
Xurxo Souto (A Coruña, 1966). En 1999 publicou a novela O retorno dos homes mariños, onde recupera un mito coruñés esquecido: os homes-peixe das ondas do Orzán. Ese mesmo ano edita cos Diplomáticos de Monte-Alto o disco Capetón, dedicado á epopea dos galegos por todos os mares do mundo. Foi director do programa Mil Ribeiras ( Radio Galega, 2006-2007). E agora, cos Contos do Mar de Irlanda, achéganos a un dos predios máis vizosos da cidade-atlántica: os salsieiros rabudos da auga do Gran Sol. |