I Concurso de Monólogos PoioEscena 2015
Como avanzamos en xaneiro na presentación do Ciclo de Teatro PoioEscena2015, na edición deste ano queremos acrecentar a nosa aposta polo teatro, dando cabida a outras modalidades como o monólogo, co fin de potenciar o interese polas artes escénicas, e chegando así a un público máis diverso.
A proposta que presentamos é un concurso de monólogos aberto a todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en participar, para que o escenario de PoioEscena sirva tamén para amosar o enxeño, o talento e a creatividade d@s cómicos da nosa terra, ao tempo que achegamos ao público unha nova oferta de espectáculos que ven a sumarse á programación anual teatral do Ciclo PoioEscena.
O prazo de inscrición queda aberto coa publicación das presentes bases, e remata o mércores 15 de abril. O concurso terá lugar no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, e desenvolverase en dúas xornadas, ambas abertas ao público; unha fase previa o 17 de abril, na que se escollerán tres finalistas, e unha final que se celebrará o venres 8 de maio, e da que sairán o 1º, 2º e 3º gañadores/as do I Concurso de Monólogos PoioEscena 2015.
A motivación dos organizadores de PoioEscena (SCD Samieira, SCD Raxó, ACDeM e a Concellaría de Cultura do Concello de Poio) nesta 6ª edición continúa sendo o mesmo obxectivo polo que naceu: fomentar o interese do público xeral polo teatro e contribuír á promoción e difusión das artes escénicas en galego, dando a coñecer o traballo feito na Galiza polos profesionais e afeccionados do teatro no noso país.
BASES I CONCURSO DE MONÓLOGOS PoioEscena 2015
1. Poderá participar calquera persoa maior de 16 anos.
2. Os monólogos participantes deberán ser en galego, orixinais e inéditos. Non se admitirán traducións, adaptacións ou refundicións, xa sexa de novela, cine, televisión, radio ou teatro.
3. A duración da actuación será de mínimo10 e máximo15 minutos.
4. Na inscrición facilitaranse os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, idade, enderezo postal, teléfono de contacto e correo electrónico. Deberá xuntar o texto do monólogo co que participará, podendo engadir foto do/a participante e unha pequena descrición da súa traxectoria artística. Poderá facerse por dúas vías:
a) Presencial / por correo postal, no enderezo: Concellaría de Cultura – Concello de Poio. Praza do Mosteiro, 1 – 36995 San Xoán de Poio. Indicando no exterior do sobre: “I Concurso de Monólogos PoioEscena 2015”.
b) POR CORREO ELECTRÓNICO ao enderezo cultura@concellopoio.org, indicando no asunto “I Concurso de Monólogos PoioEscena 2015”.
5. O prazo de inscrición finalizará o día 15 de abril de 2015, inclusive.
6. O concurso constará de:
I. FASE PREVIA: Terá lugar o venres 17 de abril, podendo ampliarse ao sábado 18, en función do número de inscrit@s. Nesta/s sesión/s seleccionaranse 3 finalistas.
II. FINAL: Celebrarase o venres 8 de maio. @s 3 finalistas deberán presentar un monólogo distinto ao da fase previa, segundo o punto 2) das bases.
7. O límite máximo de participantes será de 12. De haber máis solicitudes, o xurado preseleccionara a 12 participantes en base ao texto do monólogo co que se inscriban.
8. O xurado estará composto por persoas do mundo do teatro e das artes escénicas e por unha representación da organización, con voz pero sen voto, que levantará acta do fallo do xurado. O xurado valorará a orixinalidade do tema, o contido do monólogo e a interpretación. O fallo do xurado será inapelable.
9. A organización reservase o dereito de gravar, publicar, proxectar ou difundir as obras total ou parcialmente, no momento que considere oportuno.
10. Os premios establecidos son:
– 1º Premio: 500 € + trofeo
– 2º Premio: 300 € + trofeo
– 3º Premio: 200 € + trofeo
11. A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases e do fallo do xurado. Calquera circunstancia non prevista nas mesmas será resolta a criterio do xurado e da organización.
12. A organización resérvase o dereito de poder modificar, aprazar ou cancelar as datas do concurso.
+ información: cultura@concellopoio.org
ORGANIZA: SCD Raxó, SCD Samieira, ACDeM Armadiña, Concellaría de Cultura – Concello de Poio.
Fonte: https://www.facebook.com/notes/poio-escena/i-concurso-de-mon%C3%B3logos-poioescena2015/785544078204086