ESTATUTOS ACDeM ARMADIÑA

CAPÍTULO PRIMEIRO

DA NATUREZA DA ASOCIACIÓN

Denominación

Artigo 1º .- A ASOCIACIÓN CULTURAL E DEPORTIVA ARMADIÑA é unha asociación privada sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica e capacidade de obrar. O seu obxecto será o fomento e a práctica de actividades culturais e deportivas. A asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola lei orgánica 1/2002 de 22 de Marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable.

Fins fundacionais

Artigo 2º .- Os fins desta asociación serán:

a.- Promover a cultura e as manifestacións artísticas e a súa divulgación entre o público en xeral.

b.-Fomentar o nacemento e o desenvolvemento de vocacións artísticas e deportivas.

c.- Infundir na mocidade o interese pola cultura e o respecto polas súas diferentes formas de interpretación e desenvolvemento.

d.- Incentivar a mozas e mozos a participar activamente na vida cultural galega.

e.- Xerar alternativas de ocio e tempo libre.

f.- Informar aos socios e, en xeral, á sociedade sobre as distintas problemáticas referentes á nosa cultura tradicional.

g.- Mellorar os lazos da veciñanza e o apoio entre as distintas agrupacións e asociacións na nosa contorna, así como promover todo tipo de actividades para a incorporación de novas persoas ao eido da cultura tradicional.

h.- Colaborar coas administracións de cara a un aproveitamento ou desenvolvemento de todas aquelas actuacións que potencien a nosa cultura.

I.- Protexer e defender o medio ambiente, en particular a fauna, a flora, a xea e as

paraxes de interese natural.

Artigo 3º .- Para o cumprimento dos fins mencionados no artigo anterior, a asociación realizará as seguintes actividades:

a.- Festivais e concertos músicais

b.- Charlas, coloquios, conferencias.

c.- Ciclos de cinema.

d.- Servizo de biblioteca, hemeroteca e vidioteca.

e.- Colaboración con outras asociacións e colectivos tanto culturais como de minorías e de integración social.

f.- Organización e convocatoria de concursos artísticos (fotográficos, audovisuais, de pintura, literarios, de investigación…)

g.- Organización de campionatos e partidos amigables deportivos e participación en eventos da mesma índole.

h.- Organización de exposicións de arte.

i.- Solicitar ás administracións públicas tódalas axudas ao noso dispor para o desenvolvemento das actividades antes descritas.

j.- Actividades lúdicas e recreativas populares.

Como asociación sen ánimo de lucro destinarase aos devanditos fins o cento por cen das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto. As persoas asociadas e familiares non serán os principais destinatarios das actividades realizadas pola asociación.

Domicilio Social

Artigo 4º .- O enderezo social radicará no camiño da Pedaporta nº 6 1º 36993 Combarro . TLF 600288169. e-mail asociacion.armadinha@gmail.com

Ámbito Territorial

Artigo 5º.- A asociación en función dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galiza.

Artigo 6º .- A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico. A asociación terá personalidade como tal dende o momento da súa inscrición no rexistro legal correspondente.

Artigo 7º .- A duración desta asociación é de carácter indefinido e só se disolverá conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas nas leis.

CAPÍTULO SEGUNDO

DOS SOCIOS E SOCIAS

Definición e tipoloxía

Artigo 8º .- Poderán ser integrantes da asociación todas aquelas persoas físicas e xurídicas, con plena capacidade de obrar ou tralo acordo do órgano competente da persoa xurídica, que reúnana os seguintes requisitos:

1.- Maiores de idade que teñan capacidade para obrigarse.

2.- Os menores de idade, poderán ser socios per sen voz e sen voto.

Artigo 9º .- Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:

    1. Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.

    2. Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.

    3. Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación.

    4. Familiares, aqueles menores de idade que dependan económicamente dun socio numerario e convivan con el no mesmo domicilio.

Dereitos e Deberes dos socios e socias

Artigo 10º .- Os socios e socias teñen os seguintes dereitos:

  1. Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.

  2. Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.

  3. Tomar parte en cantas actividades organice a asociación en cumprimento dos seus fins.

  4. Tirar proveito de canta vantaxe e beneficio a Asociación poda obter.

  5. Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da asociación.

  6. Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva co gallo de mellorar o cumprimento dos fins da asociación.

  7. Ter copia destes Estatutos.

  8. Recibir información sobre o estado de contas e ingresos e gastos da asociación todos os anos, así como do desenvolvemento da súa actividade.

  9. Ser informados da composición da Xunta Directiva.

Artigo 11º .- Son obrigas dos socios e socias:

1.- Prestar cantos servicios determinen os Estatutos o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.

2.- Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.

3.- Asistir ás Asembleas Xerais.

4.- Satisfacer as cotas que se establezan

5.- Observar unha boa conduta individual e cívica.

6.- Cumprir os acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.

Artigo 12º .- Os socios e socias honorarios e familiares non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero si están facultados para asistir ás Asembleas xerais con voz pero sen voto.

Admisión e perda da condición de socio

Artigo 13º .- Os acordos de admisión de socios e socias tomaraos a Xunta Directiva unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida. No caso de menores de idade e persoas que actúen a través de representante a solicitude deberá ser autorizada polo representante, pai ou titor do solicitante acompañarse dunha acreditación da identidade do solicitante.

Artigo 14º .- A condición de socio pérdese:

1.- Por vontade propia.

2.- Por impago das cotas.

3.- Por cometer accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación, mediante acordo da Asemblea Xeneral Extraordinaria.

4.- Por falecemento.

Artigo 15º .- A expulsión de socios e socias será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado/a. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Os asociados poderán pedir a separación temporal por escrito.

A Xunta Directiva poderá acordar a separación temporal dun asociado cando se está a tramitar un expediente sancionador, ou concorran causas xustificadas que así o aconsellen, tales como o atraso no pago dalgunha cota, ou comportamentos que afecten a boa marcha dalgún dos fins da Asociación. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de réxime interno,pero en todo caso a Resolución poderase recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Cando a abaixa se produza por vontade dun/ha asociado/a, este deberá realizar unha petición escrita e procederá ao aboamento previo de tódalas cotas que teña pendentes.

CAPÍTULO TERCEIRO

DOS ÓRGANOS SOCIAIS

Artigo 16º .- A dirección e administración da asociación serán exercidas pola Xunta Directiva e a Asamblea Xeral.

Os cargos Unipersoais

Artigo 17º .- Serán competencias do/a Presidente/a:

1.- Ostentar a dirección da asociación velando polo cumprimento dos seus fins.

2.- Representar á asociación perante calquera organismo público ou privado, así como asumir a dirección e xestión da mesma.

3.- Presidir e convocar e levantar as reunión da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate, cumprindo e facendo os acordos.

4.- Propoñer o plan de actividades da asociación á Xunta Directiva impulsando e dirixindo as súas tarefas.

5.- Ordenar os pagamentos acordados validamente.

6.- Autorizar coa súa firma as actas, certificados, pagos e outros documentos da asociación co secretario ou membro da Xunta directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 18º .- Serán competencias do/a Secretario/a:

1.- Custodiar e levar os libros de actas e de rexistro de socios/as, documentos e selos da asociación.

2.- Distribuír as convocatorias e as actas das reunións ademais de expedir certificacións das mesmas co visto e prace do /a Presidente/a.

3.- Levar o inventario de bens da asociación nun libro ao efecto.

4.- Redactar cantos documentos afecten á marcha administrativa da asociación.

Artigo 19º .- Corresponde ó/á Tesoureiro/a:

1.- Recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación.

2.- Dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o/a Presidente/a.

3.- Custodiará os fondos da asociación e levar en orde os libros de contabilidade.

4.- Preparará as contas e orzamentos da asociación para a súa aprobación pola Asemblea Xeral.

O/A Tesoureiro/a ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

Artigo 20º.- Corresponde aos vocais:

  1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.

  2. Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

Xunta Directiva

Artigo 21º .- PRIMEIRO: A Xunta Directiva estará integrada por un Presidente/a, un Vicepresidente/a, un Secretario/a, o Tesoureiro/a e polos vocais que determine a Asemblea Xeral, cargos que recaerán en asociados/as que leven polo menos un ano na Asociación.

SEGUNDO: A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros e, en todo caso, do Presidente ou Vicepresidente.

Artigo 22º .- Os cargos da Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta. Elixiranse pola Asemblea Xeral os cargos e durarán catro anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

Os cargos da segunda quenda de renovación durarán 1 ano máis. O persoal de secretaría, se o houbeses, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará ademais a súa retribución.

Artigo 23º .- As vacantes que se puideran producir na Xunta Directiva cubriranse provisionalmente por designación da mesma ata que a Asemblea xeral elixa aos novos membros ou confirme nos seus postos aos designados.

Artigo 24º .- A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o/a Presidente ou Vicepresidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo/a Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente ou o Secretario, por esta orde, e, a falta de ambos polo membro da Xunta que teña mais idade.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos de catro dos seus membros. No caso de empate decidirá o voto do/a Presidente/a.

O Secretario ou, no seu defecto, o Vicepresidente levantará acta das sesións, que se transcribirá ao libro de actas.

Artigo 25º .- A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

  1. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.

  2. Confeccionar o plano de actividades.

  3. Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral.

  4. Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben.

  5. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.

  6. Dictar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.

  7. Levar a xestión administrativa e económica da Asociación.

  8. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así coma o estado de contas do ano anterior.

  9. Todas aquelas que lle sexan transferidas pola Asemblea.

Artigo 26º .- Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas comisións o número de vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos Presidentes.

Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.

Asemblea Xeral

Artigo 27º .- A Asemblea Xeral de socios e socias é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por todos os integrantes da mesma. O/a Presidente/a e o/a Secretario/a das Asembleas serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

Artigo 28º .- Reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez o ano e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou o soliciten o 10 % dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ao Presidente, autorizado coas firmas dos solicitantes, e no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 29º .- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase dentro dos seis primeiros meses de cada ano. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con quince días de antelación polo/a Presidente/a da Xunta Directiva, mediante anuncio colocado no local social, e/ou citación persoal que expresará ademais a orde do día, o lugar e a data e a hora de celebración.

Artigo 30º .- Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:

  1. Aprobar a acta da reunión anterior.
  2. Aprobar o plan de actividades.
  3. Examinar e aprobar a memoria de actividades.
  4. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio
  5. Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
  6. Exame e aprobación de cotas.
  7. As demais que resulten dos Estatutos e non están expresamente atribuídos á Asemblea Xeral Extraordinaria ou á Xunta Directiva.

Artigo 32º .- Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:

  1. Modificar os Estatutos da asociación.
  2. Elixir os integrantes da Xunta Directiva.
  3. Aprobar a federación con outras asociacións.
  4. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca dos bens sociais.
  5. Acordar a disolución da asociación.
  6. Designar os/as liquidadores.
  7. Ratificar a expulsión de socios e socias a proposta da Xunta Directiva.
  8. Solicitar a declaración de Asociación de Utilidade Pública.
  9. Aprobar o Regulamento de Réxime Interno da Asociación.
  10. As que sendo competencia da Asemblea Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera-la súa convocatoria sen grave prexuízo para a Asociación.
  11. Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria, ou á Xunta Directiva.

Artigo 33º .- Para que as asembleas poidan tomar acordos, tanto ordinarias como extraordinarias, integraranse polos socios e socias asistentes, sempre que concorran a metade máis un do total na primeira convocatoria, ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.

Artigo 34º .- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados. A continuación levaranse os acordos ao libro de actas que asinará o/a Presidente/a, o/a Secretario/a da Asemblea.

Artigo 35º .- Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as socios/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o/a Presidente/a. Seguidamente procederase por parte do Secretario á lectura da Acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.

Posteriormente o Secretario procederá a planificar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.

Unha vez rematados tódolos asuntos da orde do día procederase, se a Presidencia o considera oportuno ou o solicitan un 10 % dos asociados inscritos no libro de membros, a facer unha quenda de rogos e preguntas e adopción de acordo, concluído, levantarase a sesión por parte do/a Presidente/a.

Artigo 36º .- Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderanse recorrer en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorres perante a xurisdición ordinaria.

CAPÍTULO CUARTO

DO RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 37º .- A asociación no momento de iniciar as súas actividades carece de patrimonio. O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural.

Artigo 38º .- A asociación manterase dos seguintes recursos:

  1. As cotas extraordinarias que acorde a Xunta Directiva.

  2. As doazóns ou subvencións que lle poidan conceder os órganos da Administración Pública, entidades privadas ou particulares.

  3. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das súas actividades.

  4. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para entidades non lucrativas.

Artigo 39º .- As cotas obligatorias estableceranse pola Asamblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, non sendo reintegrables en caso algún e adicándose a atender as necesidades da asociación.

Artigo 40º .- Anualmente e con referencia ao último día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunca memoria e será posta a disposición dos/as socios/as, durante un prazo non inferior a quince días ao sinalado para a celebración da Asamblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.

Artigo 41º .- Anualmente e no tempo que establece o artigo 30, será aprobado o orzamento pola Asamblea Xeral Ordinaria.

Artigo 42º .- Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, deberán ter recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente: o/a Presidente/a e o/a tesoureiro/a, para a utilización conxunta deles.

Artigo 43º .- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as socios/as os recursos obtidos pola asociación.

CAPÍTULO QUINTO

DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 44º .- O Regulamento de Réxime Interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo o caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ao ordeamento xuridiscional civil.

CAPÍTULO SEXTO

DO RÉXIME DOCUMENTAL

Artigo 45º.- O réxime documental da asociación constará dos seguintes libros: de Asociados, de Actas e de Contabilidade.

Artigo 46º.- No libro de Rexistro de Asociados deberán constar o nome e apelidos dos socios de número, o seu Documento Nacional de Identidade e, no seu caso, os cargos de representación, goberno e administración que exerzan na Asociación.

Especificaránse tamén as datas de alta e baixa e as de toma de posesión e cese nos cargos aludidos.

Artigo 47º.- Nos Libros de Actas consignaranse as reunións que celebre a Asamblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As actas serán asinadas en todo caso, polo presidenta/o e o secretario/a.

Artigo 48º.- Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigas, ingresos e gastos da asociación, debendo precisarse a procedencia daqueles e o investimento ou destiño destes.

CAPITULO SÉTIMO

DAS SECCIÓNS DEPORTIVAS

Artigo 49º.- Cando a Xunta Directiva acorde a práctica dunha modalidade deportiva creará a Sección correspondente, que haberá ser afiliada á Federación que proceda.

Artigo 50º.- Cada sección deportiva ocuparase de todo o relativo á práctica da modalidade deportiva correspondente, baixo a coordinación e superior dirección da Xunta Directiva.

CAPÍTULO OCTAVO

DA EMISIÓN DE TÍTULOS DE DÉBEDA OU DE PARTE ALICUOTA PATRIMONIAL

Artigo 51º .- A Asociación Cultural Deportiva Armadiña poderá emitir títulos de débeda ou de parte alicuota patrimonial. Os títulos serán nominativos.

Artigo 52º .-

PRIMEIRO: Os títulos inscribiránse nun libro que levará ó efecto a Asociación, e no que se anotarán as sucesivas transferencias.

SEGUNDO: En todos os títulos constará o valor nominal, a data de emisión e, no seu caso, o interese e prazo de amortización.

Artigo 52º .- Os títulos de débeda só poderán suscribirse polos asociados e a súa posesión non conferirá dereito algún especial ós socios, agás a percepción dos intereses establecidos conforme á lexislación vixente.

Artigo 53º .- Os títulos da parte alicuota patrimonial serán, asimesmo, suscritos polos asociados. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.

Artigo 54º .- Os títulos de débeda e parte alicuota patrimonial serán transferibles unicamente entre os que teñan condición de socio.

CAPÍTULO NOVENO

MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 55º .- Os presentes estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou do ¼ dos socios. Á convocatoria da Asamblea Xeral Extraordinaria xuntarase o texto coas modificacións propostas, abrindo un prazo de 7 días para que calquera socio/a poda dirixir á Secretaria as enmendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asamblea e serán entregadas cunha antelación mínima de tres días á realización da mesma.

Artigo 56º .- Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable dos 2/3 dos membros da Asamblea Xeral de socios.

Artigo 57º .- A Asociación disolverase polas seguintes causas:

  1. Pola vontade dos/as socios/as, acordada pola dúas terceiras partes dos/as mesmos/as.

  2. Por outras causas determinadas legalmente.

  3. Por sentenza xudicial.

Artigo 58º .- Disolta a Asociación, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará dous socios/as liquidadores que xunto ó/á Presidente/a e ó/á Tesoureiro/a procederán a efectuar a liquidación, pagando as débedas, cobrando os créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 59º .- O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins ós desta Asociación.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correpondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. Máis Información

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Pecha